Este sitio web usa cookies, podes ver a política de cookies, aquí -
Política de cookies +

AS AVENTURAS DE NATALIA

Conto de Aldán e o seu avó Anxo



Natalia e o ogro (I)


Audio-conto:

 

Un día Moncho foi para o monte levar os cabalos a pacer cando bateu cun ogro.

Se vés aquí fágoche así —e o ogro colleu unha pedra e desfíxoa entre os dedos coma se fose area.

O Moncho asustouse, botou a correr para a casa e contoullo á súa irmá Natalia, máis vella ca el. Natalia non lle creu nada, pensou que o estaba inventando todo, que era un mentireiro. Foi ela ao monte e tamén bateu co ogro.

Se vés aquí fágoche así —e tamén esmagou outra pedra entre os dedos.

Entón Natalia volveu á casa e pediulle á nai unha pela de manteiga fresca e regresou ao monte.

Rapaza, xa cho dixen, se vés aquí fágoche así —e repetiu o da pedra.

E se vés ti aquí eu tamén che fago así —e Natalia colleu a manteiga entre as mans e ao apertala coa calor desfíxose toda.

Asombrado o ogro díxolle a Natalia que a collía de criada e lle pagaba mil pesetas -non había euros daquela- coa condición de que ela lle tiña que gañar en todas as probas que lle faría, porque se gañaba el cortáballe as orellas.

Mañá facemos a primeira proba, imos darlle unha puñada a esta pedra e o que faga o buraco máis grande gaña; xa sabes Natalia, se perdes tamén perdes as orellas, córtochas —ameazou o ogro.

De noite mentres o ogro durmía, Natalia foi á casa e colleu un martelo e un cicel, que seu pai era canteiro, foi á pedra e petando, petando fixo un buraco no que lle collía ben a man ata o cóbado e tapouno cunhas follas secas. Ao día seguinte foron facer a proba.

Quen empeza?

Empezo eu! —dixo a rapaza.

Entón deu unha puñada onde estaban as follas e enterrou toda a man na pedra ata o cóbado.

Peneda

Peneda na que Natalia e o ogro fixeron o buraco

E agora vou eu! 

O ogro deu unha puñada tan forte que rompeu a man e case non fixo buraco.

E como o conseguiches, Natalia?

Eu? Dándolle!

Así que o ogro deulle mil pesetas e non lle cortou as orellas. Pero...

Mañá facemos outra proba, a ver quen rompe máis carballos desa carballeira dunha patada. E xa sabes, se perdes, despídete das orellas.

Esa noite Natalia foi por unha serra á casa e empezou a serrar trinta carballos deixándoos prendidos só cun cacho pequeno de casca pero sen caer. Á mañá seguinte foron facer a proba.

Quen empeza?

Empezo eu! —dixo a rapaza.

Deulle unha patada ao primeiro carballo que como xa case estaba cortado caeu e tirou co do lado e este co outro e así ata os sete. 

Xa verás que agora vou eu, vai metendo as orellas a remollo!

Deu unha patada e só tirou seis porque deu con tanta forza que se foi para adiante e caeu.

E como conseguiches gañar outra vez, Natalia?

Eu? Dándolle!

Carballeira

Carballeira de Trasar onde o ogro chimpou os carballos

Prepárate que mañá facemos a seguinte proba, pero desta vez non che digo nada de que se trata que empezo a cheirar que me fas trampa.

Trampa eu? Se o único que fago é darlle.

No día seguinte o ogro presentouse con dous grandes balóns.

A proba será a ver quen lanza dun couce o balón máis lonxe. Xa é tarde, aí quedan as dúas pelotas. Ata che vou dar vantaxe, para ti a pelota máis pequena, porque tamén es máis pequena, así que non che paga a pena facer trampas. Non movas de sitio os balóns.

E de noite Natalia colleu uns sacos de area e un funil e polo buratiño onde se inchan os balóns co aire foi metendo toda a area no balón do ogro. Ao día seguinte cando chegaron para a proba o ogro estaba todo ilusionado.

Que ben que os balóns están no mesmo sitio de onte, vexo que non os moviches. Veña, dálle ti, rapaza!

Natalia deulle un patadón e o balón separouse catro metros, ben pouco.

Esas orellas xa son miñas, alá vou eu!

El deulle un patadón ao seu balón, pero como pesaba tanto pola area só o moveu un metro e rompeu o pé. Marchou todo enfadado para a cova, non se volveu saber del en moito tempo. A xente estaba tranquila en Trasar.

Mais pasados uns meses apareceu o ogro cun caldeiro inmenso de lentellas cocidas.

Pensabas que xa me esquecera, non, imos ver quen come máis cuncas, ou gañas ou, xa sabes rapaza, perdes as orellas.

Empezaron e Natalia levaba comidas cinco e o ogro xa papara quince.

Mira ogro, tes me deixar ir facer un pis e unha caca que teño a barriga chea, volvo axiña, ti tamén podes facer o mesmo.

O que fixo foi ir á casa e meter debaixo da roupa unha bolsa grande de plástico do lixo sen que se vise. Volveu e empezaron a comer, Natalia comeu outras corenta -porque as metía na bolsa sen que se vise, non na boca- e o ogro outras vinte e cinco. A ver, imos sumar... Natalia comeu cinco máis corenta, cantas son? Pois corenta e cinco. O ogro comeu quince máis vinte e cinco, cantas son? Pois corenta. Quen gañou? Natalia outra vez.

Ah, picarona, volviches gañar, pois toma mil pesetas. Pero agora mesmo facemos outra proba e xa verás como quedas sen orellas. Ímoslle dar vinte voltas a este campo, a ver quen gaña. Ti tes a barriga chea e as pernas pequenas, vas perder, rapaza! 

Puxéronse a correr e cando Natalia levaba unha volta o ogro xa levaba tres.

Un momento que vou abrir a barriga para baleirar as lentellas e correr máis —berroulle a rapaza. 

Así que ela colleu unha navalla e fixo que abría a barriga pero o que cortou foi a bolsa de plástico e saíron as lentellas todas para fóra. Natalia empezou a correr moito máis rápido, coma un foguete, polo que o ogro case colle medo.

Eu tamén vou cortar a miña barriga e xa verás, rapaciña!

Entón cun coitelo grande que tiña no peto cortou a súa barriga e empezou a berrar e a sangrar, fuxiu para a súa cova e en moito tempo non se soubo do ogro nin volveu ameazar e asustar a ninguén máis en Trasar.

Natalia volveu para a súa casa e desde aquelas empezaron a chamarlle Natalia mataogros.


As Aventuras de Natalia II


Audio-conto:

 

Pasaron moitos anos, Natalia xa morrera, pero aínda se contaban en todas as casas as aventuras da Natalia mataogros. E na que fora a súa casa vivía agora a súa neta, e como se chamaría a nena? Pois como ía chamarse, Natalia, coma a avoa, da que herdara a súa valentía.

Aquel ano a profesora organizara unha excursión para que as nenas e nenos viran o mar por primeira vez. Alá foron nun autobús e pararon en Bueu. Baixaron e achegáronse ao porto. A profesora díxolles que xa estaban diante do mar.

Ría de Pontevedra

Ría de Pontevedra vista desde Bueu

Isto non é o mar, que sempre me dixeron que no mar se podía mirar para adiante sen ver terra ningunha, todo auga, e aquí parece un río máis ancho do que nunca vin, pero do outro lado vense ben os montes. De mar nada! —exclamou Natalia.

Pois, a ver, con coidadiño que alguén baixe por esa escaleira, meta un dedo na auga e que o leve á boca —dixo a profesora.

Pero esta auga está salgadísima —dixo Natalia que se prestara voluntaria para meter o dedo na boca.

Claro —dixo a profesora—, porque é auga de mar, o que pasa é que aquí en Galicia o mar métese un anaco na terra coma se fose un río, son as rías, e nós estamos nunha das Rías Baixas. Mirade, aí detrás está a illa de Ons, xa está o mar aberto, non se ve terra ningunha.

Porto Bueu

Porto de Bueu onde Natalia probou a auga de mar

Alí ao lado había unha praia e a rapazada pediu ir mollar os pés. Pero non puideron porque un policía os avisou de que había uns días que estaba atacando un grande tiburón, algo nunca visto, atacaba e desaparecía, os pescadores non o daban pescado. Os outros nenos dixéronlle ao policía que a avoa de Natalia xa matara un ogro, tamén podería matar un tiburón a neta. O policía chamou o alcalde e este apareceu axiña porque estaba moi preocupado polo asunto do tiburón. Natalia pediulle agardar ata o día seguinte para pensar. E quedaron todos a durmir en Bueu, que estaban en festas e facían unhas alfombras de flores na rúas moi lindas.

Á mañá seguinte a rapaza pediulle ao alcalde un manequín dunha tenda de roupa, un botellón de cristal, a pólvora dos fogos da festa e un anaco de carne de vaca. Despois encheu o manequín de pólvora, meteu dentro a botella cunha mecha longa acendida de dentro para fóra, pechou e refregou ben a carne por fóra do manequín para que a cheirase. Puxeron o manequín na beira da auga e escaparon correndo. Axiña o tiburón cheirou a figura que semellaba unha persoa e viuse como aparecía e chapaba o manequín dun bocado.

PraiaBueu

Praia da Banda do Río de Bueu, prohibido o baño por...

A xente que miraba ao lonxe empezou a dicir que Natalia fallara. Pero de alí a un pouco escoitouse unha explosión na auga e apareceron anacos de peixe flotando. O manequín estoupara no bandullo do grande tiburón. A xente de Bueu quedou moi agradecida e o alcalde deulle a Natalia un diploma que dicía Agradecemento de Bueu a Natalia matatiburóns.

Un día despois seguiron a excursión ata A Guarda para ver o castro de Santa Tegra.

Santa Tegra

Santa Tegra, onde se escoitaban os berros estarrecedores

A xente do lugar recomendoulles vivamente que antes da noitiña baixasen do castro porque despois de escurecer escoitábanse uns brados estarrecedores, que veñen sendo uns berros moi grandes que meten moito medo. Ninguén sabía o que era nin se atrevían a ir mirar porque se dicía que igual eran as almas dos antigos poboadores do castro ou de algún bicho maligno. Había moito medo na xente. Xa chegara a fama das Natalias avoa e neta alí e pedíronlle axuda.

A primeira noite puideron escoitar os brados estarrecedores e vaia se metían medo. O curioso é que todas as noites desaparecían cousas que alguén esquecera fóra da casa. Iso deulle que pensar a Natalia. Na noite seguinte levou un contedor de lixo ao castro, fíxolle uns buratos para respirar e ver, meteuse dentro e agardou. Xa de noite apareceu un señor, traía unha pota grande de barro cun burato por onde metía a punta dun funil, empezaba a berrar e a pota facía de altofalante polo que se escoitaba en toda a vila. Despois, como a xente estaba metida nas casas chea de medo, daba unha volta e roubaba o que lle interesaba.

A noite seguinte Natalia pediulle ao alcalde dous policías e dous contedores máis, díxolles que levasen as pistolas cargadas. Metéronse nos contedores os tres e cando veu o lampantín e empezou a soltar os brados, Natalia e os policías saíron dos contedores e empezaron a berrar “a polo ladrón, a polo ladrón!”... e os policías veña a disparar ao aire. O pillabán botou a correr a todo dar e debeu caer ao mar na fuxida que non se volveu saber del nin tampouco quen era aquela persoa que asustaba o pobo.

Santa Tegra

Por aquí fuxiu o pillabán lonxe da Guarda

Toda a vila quedou moi agradecida a Natalia e déronlle un diploma que poñíaagradecemento da Guarda a Natalia que nos librou dos brados estarrecedores.

Rematada a excursión volveron a Trasar. Nada máis chegar xa souberon a nova, estaban todos asustadísimos porque despois de cen anos volvera o lobo da xente. Había unha lenda en Trasar segundo a cal cada 100 anos nacía nunha noite de lúa chea un lobo moi feroz e grande que atacaba as persoas, por iso lle chamaban “o lobo da xente”. Ninguén se atrevía a saír só facer os traballos, sempre en grupo e armados con gadañas, fouciños e machadas. Os cazadores non o daban pillado porque era máis listo ca un raposo.

Ai, Natalia —dixéronlle—, quen nos dera que aínda vivise a túa avoa, seguro que nos salvaba.

Natalia pensou e pensou que faría a súa avoa para cazar o lobo. E entón lembroulle a poza das Hortas, o lavadoiro grande onde a xente do lugar lavaba a roupa. Conseguiu que fixeran ao lado da poza un pequeno acubillo ben cuberto de pólas de árbore, silvas e toxos. Alí meteuse de noite Natalia e tres cazadores coas escopetas cargadas. No medio da poza cravaron unha grande estaca, un pao gordo, e atada á estaca unha ovella viva. Despois cubriron a auga cunha capa de fentos e follas de xeito que non se notase que aquilo era unha poza.

Chegou a noite, eles caladiños no acubillo e a ovella a berrar mee, mee... E de pronto aparece un grande lobo, dá un salto para papar a ovella pero cae na auga e empeza a intentar nadar todo asustado. Nese momento berra Natalia fogo! e os cazadores empezan a disparar. O lobo malamente consegue escapar deixando un rastro de sangue polo camiño. Debeu morrer que nunca máis se soubo del. Pero os máis vellos do lugar din que cando pasen outros cen anos, seguro que volve o lobo da xente.

Puza das Hortas

Poza das Hortas de Trasar, na que Natalia acabou co lobo

E Natalia, a neta da Natalia mataogros, tamén foi chamada “Natalia matalobos”.

E así rematan as aventuras de Natalia, ou non.


As aventuras de Natalia III

Audio-conto:

Natalia, tantas veces escoitara as historias que lle entrou a teima de dar coa cova do ogro que matara a súa antepasada.
Mirou e remirou pola zona, pero nada. Ata que colleu un péndulo, que Natalia tamén era vedoira, tiña a ciencia de atopar auga ou metais movendo un péndulo. Pois un día indo por un monte co can, de pronto o péndulo nin se movía e o can non quería entrar naquel claro do monte. Nunca tal vira.

Natalia buscou unha pa e empezou a apartar a terra. Axiña deu coa entrada a unha cova escondida entre fentos e silvas. Mais era unha cova pequena, non cabería un ogro. Axiña viu algo como un ascensor vello e enferruxado. Entrou nel. Alí poñía en letras grandes: TIME MACHINE. E logo había dous botóns: FORWARD e BACKWARD.

Entrada cova

Hai quen di que aquí estaba a entrada á cova escondida

Ela o do Time machine sabía que era máquina do tempo porque o lera nun libro pero o dos botóns non tiña nin idea. Así que lle deu ao chou a ver se tiña sorte e podía ir ao tempo da Natalia mataogros. Mellor, deulle a forward por se tiña que ver co tempo que xa "fora".

Axiña notou que non pesaba nada, unha luz branca invadiu o ascensor e ao cabo duns minutos todo volveu á normalidade. Saíu e viu dous camiños. Colleu o primeiro que daba a un deserto total, todo estaba como queimado e sen vida. Volveu para atrás e colleu o outro camiño. Bateu cunha pantalla de vídeo na que se podía escoller o idioma, escolleu “galego” e empezou a repetirse unha longa mensaxe:

Esta é a entrada a unha das cidades subterráneas que quedaron na terra. Hai mil anos a terra quedou sen vida porque os humanos non fixeron caso dos avisos do cambio climático, da contaminación, do uso de plásticos, da desaparición de animais e plantas. A terra volveuse inhóspita, sen vida. Algúns puideron marchar en naves a un pequeno satélite de Marte que estivera oculto ata entón. Os demais viven en cidades ocultas baixo terra, moi tristes, sen animais, sen natureza. Pero,  viaxeiro do tempo, podes comprobalo cos teus ollos se queres seguir adiante, entra!

Natalia ao ver tal pensou: volvo ao ascensor antes de nada para avisar a xente de que aínda poden cambiar e coidar a terra.
De volta no ascensor deulle ao contrario de antes, a backward. Pero debeu premer moito, que cando abriu e saíu case a chapa un dinosauro carnívoro. Volveu entrar, premeu en forward. Saíu e case a atrapan unha morea de monos faladores que xa andaban de pé. Para ela que estes debían ser os sapiens do libro de sociais. Volta ao ascensor e xa calculou mellor, que volveu xusto ao seu tempo, pero unha semana despois.

Estaban todos preocupados en Trasar por ela, pensaron que desaparecera e igual a secuestraran. Cando ela lles contou que viaxara nunha máquina do tempo ao futuro... “claro, muller, pois ala, móstranos a maquiniña, a ver se podemos nós tamén”... “Non será que queres ser famosa coma Natalia”. E Natalia levounos ao sitio, pero a cova desaparecera.

(continuará...)


As aventuras de Natalia IV

Desde aquela Natalia deu en buscar o sitio do ascensor. Daba paseos co seu can Tati, miraba unha e outra vez co péndulo. Pero nada. Ata que un día o can se negaba a pasar por un claro que había entre uns castiñeiros, non había maneira. Entrou ela soa e o péndulo non se movía nada, coma da outra vez. Alí tiña que haber algo, levou o can á casa e volveu cun sacho a primeira hora do día.

Despois de moito cavar e cavar descubriu un metal brillante como nunca vira, grande coma unha paelleira. Tiña escritas unhas estrañas palabras e un botonciño vermello no medio. Como non entendía aquelas palabras, por probar, deulle ao botonciño. Entón aquel anaco de bosque encheuse de néboa e no medio da escuridade abriuse un torrente de luz que “chapou” a Natalia. En cousa de segundos viuse nunha nave espacial rodeada duns seres que lle lembraban talmente os antigos exipcios que tiña visto nos libros. Falaban unha estraña lingua pero íanlle traducindo nunha pantalla. Contáronlle que levaban tempo agardando por ela. Eran descendentes duns poboadores do Nilo, anteriores aos faraóns que nun tempo de moita seca e fames foran rescatados por uns extraterrestes e colonizaran un planeta da estrela Polaris. Foran eles quen puxeran o artefacto aquel agardando que un terrestre coma eles o descubrira e lles axudara no seu problema.

Resulta que teñen uns invasores no seu planeta Reta e o único xeito de os facer marchar, porque son moi malos, é atacalos cun péndulo e alí eles, os descendentes dos exipcios, xa non teñen o poder do péndulo, perdérono. Por iso puxeron na terra ese obxecto metálico para que alguén puidese axudalos.

Faltaba máis, —dixo Natalia—, se queredes alá imos, que teño aquí o meu péndulo, o caso é que me funcione en Reta.

E vaia se funcionou, foi ela empezar a movelo e os invasores escaparen nas súas naves non se sabe para onde.

Pois se queres, Natalia, podes quedar onda nós para sempre.

Non, que botaría moito de menos o can Tati, a familia, as ras que cantan na Poza das Hortas... Iso si, se podo levar algunha lembranza de Reta para a Terra?

Pois leva esta pirámide en miniatura que ten poderes máxicos que xa irás descubrindo cando os precises. Pero só che vai funcionar dicindo unhas palabras máxicas, para que non caian nas mans de algún malo malísimo os seus poderes. (—Non nos preguntedes, cales son as palabras máxicas que non as sabemos, só as sabía Natalia).

Pasou un tempo e Natalia andaba un día polos Peares, onde se xuntan o Miño, o Sil e o Búbal, que tiña alí unha viña a súa familia. Escoitou berros e foi mirar. Resulta que naquela ponte de ferro do tren, na que se pode camiñar por unha beira, pois viñera un vento terrible e rompera a ponte dun lado, quedou inclinada un pouco e cun tren atrapado no medio e varios peóns agarrados aos ferros. Non podían saír para adiante nin para atrás e cada minuto a ponte inclinábase un centímetro máis, estaba a piques de caer o tren aos tres ríos, o mesmo que os peóns. Berraban uns, berraban outros, aquilo era un tremendo balbordo e xa se daba por perdido o tren. Entón Natalia, sen que ninguén a vise, meteu a man no peto, sacou a pirámide máxica, pronunciou as palabras e de pronto como por arte de maxia, nunca mellor dito, a ponte empezou moi paseniñamente a volver ao seu sitio. A xente salvouse de morrer afogada e volveron berrar, pero agora de contentos. Os que miraban aplaudían e todo o mundo preguntaba como sería posible o milagre.

O alcalde que andaba por alí dixo que fora grazas ao concello e a el, o alcalde, todo pola súa preocupación. A xente empezou a dicirlle que calara a boca, que os políticos eran todos uns oportunistas. Só a profesora do colexio dos Peares, dona Prudencia, tiña a explicación que convenceu a xente. Fora o mesmo vento o que primeiro descolocara a ponte e logo a volvera colocar cambiando de dirección. A xente deu por válida a explicación e mentres Natalia acariciaba no seu peto a súa pirámide, a súa pirámide milagreira.

Os Peares

Os Peares, coa ponte ferro onde se xuntan o Miño e o Sil


As aventuras de Natalia V

Un mes despois era a festa de Trasar, o San Lourenzo, non ía haber festa porque non había cartos para pagar unha orquestra que fora un mal ano de colleitas e a xente estaba cos petos baleiros. Nestas que aparece polo pobo un representante da Orquestra Os Pillaváns. Ofreceuse a facer a festa gratis, que estaban de promoción. Para que os coñecesen. A xente de Trasar alegrouse aínda que lles estrañou que escribiran Pillaván con uve e non con be. Chegou o día da festa, viñeron os músicos e cando estaban tocando a Muiñeira de interior dos Boyanka foise a luz durante un anaco, houbo moito rebumbio... cando conseguiron que volvese a luz a orquestra desaparecera e no palco deixaran un cartel: “Pillaván= Pillando van, miren as carteiras”. Empezan a mirar nos bolsos e as carteiras desapareceran con todos os cartos que tiñan para gastar na festa. Imaxinade a sorpresa e o enfado da xente.

Menos mal que Natalia non tiña a pirámide na carteira, que a tiña ben apertada no peto interior da camisa. Apartouse cara uns carballos, sacou a pirámide e tatachannnnn empezou a voar por enriba da estrada ata alcanzar a furgoneta dos Pillaván que xa estaba chegando a Ourense. Púxose diante do vehículo, e coma se fose Supergirl freono en seco, botoulle unha man e deixouno coas rodas para o ceu.

Soltade todo o que roubastes se queredes seguir vivos, que sodes uns pillabáns pero con be.

Trasar

Campo da festa da xente de Trasar

Así o fixeron e entón ela volveu darlle a volta á furgoneta, atou os falsos músicos a un castiñeiro e chamou a policía de Ourense para que os levase pasar unha tempadiña de descanso ao cárcere. E logo, non se sabe como, no campo da festa empezaron a chover as carteiras roubadas para alegría dos de Trasar. Cada quen colleu a súa e Natalia saíu dos carballos preguntando que pasara, ela fora facer un pis e non se decatara de nada.

—Iso dicía ela... pero nós ben sabemos o que pasou.

Outro día Natalia estaba lendo un libro de policías e cacos. O curioso é que ao abrir o libro tamén se abriu unha porta pola que ela entrou dentro da historia. Si, aínda que pareza incrible dentro da historia, coma o da famosa Alicia. E había un malo, moi pero que moi moi malo malísimo, tiña unha pistola.

Ou me entrega todo o que acaba de sacar do banco ou lle meto un tiro na cabeza! —díxolle a unha señora que saía do banco de cobrar a súa pensión.

Non lle podo dar nada, que preciso todos os cartos para pagar a luz, a auga, o lixo e a comida, isto é todo o que teño.

Pois vou contar ata tres e se non me ten dado os cartos vanlle caer tres tiros, vella parva! Por algo me chaman “O Asasino”!

Pero naquel momento pasou o camión do lixo e a señora non escoitou o último que lle dixo o Asasino. Non lle deu os cartos. E o Asasino, o máis malo dos malos disparou... menos mal que Natalia estaba mirando e tiña na man a pirámide máxica, que sempre a traía con ela. Botoulle a man e a pirámide conseguiu deter a bala no aire, cambiala de dirección cara unha parede onde rebotou e foi directamente ao pé do Asasino, que tirou coa pistola e berrando coas dores botou a correr. A señora non entendía nada.

Pero por que tirou a pistola ese imbécil, que eu nada lle fixen, será parvo!

Natalia sorriu, gardou a pirámide e saíu pola porta do libro, máis que saír entrou no cuarto e botouse a durmir.

Hoxe xa fixen a miña boa acción, xa chega, que aínda se me vai queimar a pirámide —bisbou a nosa heroína.


As aventuras de Natalia VI

Era a noite do vinte e tres ao vinte e catro de xuño, o día máis longo do ano, o equinoccio de verán, a noite máis máxica.
Natalia ía saír á rúa diante do Peto, que cantaba Ortiga e despois facíase unha fogueira para saltar por enriba do lume. Xa fora por Trasar para facer o cacho, collera sete herbas e metéraas en auga de sete fontes, empezando pola fonte de Trasar.

Fonte de Trasar

Fonte de Trasar onde Natalia colleu a auga para o San Xoán

Tiña todo preparado, pero... nunca se sabe onde salta a sorpresa!

Puxo un pé fóra da casa e para a súa sorpresa, caeu un raio, viu unha intensa luz que cubriu todo o ceo.

Toda a xente do lugar meteuse nas casas, e entón Natalia viu baixar do ceo unha especie de pratos con ferranchos.

Natalia fixouse en que, en realidade, eran pratiños voantes, dos que saíron uns raios de luz verde e fixeron que Natalia levitara, e a súa pirámide máxica, que sempre levaba no peto, voou cara a nave máis grande, e meteuse por un buraquiño que tiña.

Entón, Natalia saltou á nave, que xusto nese intre despegou con ela enriba. A tanta velocidade como se movía a nave, Natalia tivo que conter a respiración, pero cando chegaron ao planeta descubrírona, e como necesitaba repoñer folgos, non puido fuxir. Alí levárona ao cárcere daquel afastado planeta, que era moi diferente á terra, posto que non había contaminación ningunha, mesmo daba xenio velo. Natalia non sabía o que pasara coa pirámide, e simulaba estar moi preocupada por se a usaban mal. Pois o que os extraterrestres levaran foi unha réplica exacta que ela mercara nun bazar chinés. A verdadeira estaba no dobre fondo do seu peto. Entón decidiu fuxir. Así que dixo as palabras máxicas para abrir a comporta, pero con terribles consecuencias, posto que se lle acabaran as forzas á pirámide. Estaba presa no planeta. Volvérona meter na cadea.

Como podía saír do problema? Pois botando man do recurso último, a axuda da devanceira Natalia, a mataogros. Concentrouse o máis que podía en invocou a avoa: Avoíña, avoíña querida, axúdame neste intre queridiña!

Entón fíxose presente unha misteriosa sombra, era unha sombra algo clara e transparente. Escoitou unha voz de ultratumba (ela non coñecera a Natalia mataogros e supuxo que sería a súa voz).

-Benquerida nena, ti es a que mantiveches acesa a memoria das miñas fazañas e eu diría que aínda as melloraches, non podo deixarte soa nesta cadea dun planeta descoñecido, que podo facer por ti?

Poderías ensinarme o que teño que facer para saír deste maldito planeta?

Ves esa pedra que ten unha elipse pintada? Pois pon unha man enriba e atoparás unha saída secreta, sigue ata o final e verás unha nave. Que teñas moita sorte, benquerida nena, eu marcho á miña...!

A sombra esváese e Natalia pon a man, ábrese o túnel, un túnel moi longo e estreito, caro lle custou chegar ao final.

Alí estaba a pequena nave agardando por ela. Non tivo máis ca entrar,  pero ao tentar despegar escoitou unha mensaxe “en dez segundos este artefacto vaise destruír con todo o que teña dentro”. A rapaza tentou desactivalo tocando todos os comandos, pero como non o conseguiu saíu escopetada. Cando a nave estoupou aínda non puidera afastarse moito e pola onda expansiva Natalia saíu voando e voando ata a Terra, e ademais destruíuse medio planeta. Non estaba segura pero a ela pareceulle ver no momento da explosión unha sombra, unha sombra clara, que sorría cara á nave.


As aventuras da Natalia VII

 

Natalia, descendente de todas as anteriores, estaba moi contenta, posto que...

Vou a ir a Ons cos meus pais! —exclamou.

Ons

Paisaxe da Illa de Ons

Nada máis chegar ao porto.

Bo día, eu son o sarxento e non poden ir a Ons, posto que hai un dragón moi grande e perigoso —díxolles un señor.

Pois que pena que non poidamos ir a Ons, Natalia —dixeron os pais de Natalia.

Natalia, non serás ti familia das lendarias portadoras no teu nome? —dubidou o sarxento.

Pois claro que o son, que estou moi orgullosa das miñas antepasadas —respondeu Natalia.

—Been, está Natalia, Ons está salvada! —escoitouse dicir á xente.

Entón, digo eu que poderemos facer unha excepción. A ver se herdaches a habilidade e o enxeño das túas devanceiras! —engadiu o sarxento.

Veña, imos alá! —berrou Natalia.

E mentres ían no barco desde Bueu cara a Ons Natalia argallou un plan. Ao desembarcaren o que máis sorprendeu a Natalia foi a cantidade de efectivos dispostos a acabar co dragón que estaba no punto máis alto na illa arredor do Faro para controlar todo o que se achegaba.

Natalia pediu achegarse a un dos helicópteros do exército. E axiña empezou a berrarlle ao drágón e insultalo con palabras feas. Logo atou unha corda ao seu nocello. Pediulle ao piloto que a levase ata enriba do Buraco do Inferno e saltou co outro extremo da corda atado no helicótero. O dragón seguiuna moi enfadado e alterado polos insultos e intentou atrapala enriba daquel orificio extraordinario, bradando "voute matar, rapaza descarada". Foi así que Natalia lle deu orde ao piloto que arrincase a toda mecha cara a base na illa de Onza. Mais o dragón ía tan lanzado que bateu contra o Buraco do Inferno, quedou medio atrapado nas profundas rochas e caro lle custou dar saído. Saír saíu, mais todo ferido e rabuñado. Meteuse no mar Atlántico cara a Illa de Sálvora e nunca máis se soubo del.

Buraco do Inferno

Buraco do Inferno de Ons onde o dragón quedou todo magoado

E, claro desde entón á nosa Natalia deron en chamarlle Natalia matadragóns.

As aventuras da Natalia VII

O dragón malamente deu chegado á Illa de Sálvora do ferido que estaba e a pesar dos seus intentos por sobrevivir axiña acabou estirando a pata, a grande pata dun drágón, claro.

Mais non morreu de todo e o seu espírito quixo vingarse de quen matara o seu corpo. Creou un burato espiritual directo á aldea de Natalia (un burato espiritual vén sendo uns desgarramentos no tecido do espazo que permiten aos espíritos trasladarse a calquera lugar instantaneamente, porque nesa dimensión non funcionan as leis da Física e pasan esas cousas).

Natalia estaba en Trasar tan tranquila lendo un libro..................................................................................................................................................................

 

(Este é un conto de Aldán e Anxo)




Aldán González Figueiredo

Familia do Aldán
Agosto de 2016, Aldán (no colo materno) coa familia paterna González


Reunión familiar

Agosto 2017, Aldán no colo do Xan presidindo a reunión anual da familia González


Aldán

Agosto 2018, Aldán no colo do avó Anxo presidindo a reunión anual da familia González


Curmáns

Xuño 2019, Aldán no colo paterno presidindo a reunión anual dos curmáns González


I. Aldán González Figueiredo é a décimo terceira xeración con raíz na Casa de Baixo de Trasar de Carballo, concello de Carballedo, provincia de Lugo; 13 xeracións González:

13. Aldán González Figueiredo (2015)

tiveron a

12. Paulo González Ogando, Pontevedra + Laura Figueiredo Iglesias, A Valenzá-Barbadás-Ourense,

tiveron a

11. Ángel González Guerra, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 28/04/1955 + Mª Vitoria Ogando Valcárcel, Buenos Aires/Santiago de Compostela, 02/06/1956

tiveron a

10. Juan González González, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 22/12/1927-14/12/1986 + Pilar Guerra Otero, 02/05/1935, Barrio de Puga-Pradeda-Carballedo-Lugo, 02/05/1935

tiveron a

9. Carmen González González, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 13/12/1907-17/05/2003 + José González Lamas, 26/09/1898-30/12/1935, Casa do Tío Bernardo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo

tiveron a

8. Encarnación González Grande, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 29/08/1873 + Benigno Ángel González Dopacio, (m. 1935), Casa do Arrieiro de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo

tiveron a

7. Juan González González, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 17/06/1834 + Carmen Grande Cudeiro, Casa do Souto de Vilaquinte-Carballedo-Lugo

tiveron a

6. José González López, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 07/12/1796 + Francisca González Mosquera, A Laxa-Carballedo-Lugo

tiveron a

5. Juan González González -Baínte-, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 16/04/1772 + Josefa López López, Rubiás-Carballedo-Lugo

tiveron a

4. Carlos Lázaro Francisco González López -Baínte-, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 16/09/1744 + Francisca González González, Vilarrubín-Salgueirós-A Peroxa-Ourense

tiveron a

3. José Francisco González Sotelo, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, 19/11/1715 + Mª Antonia Álvarez

tiveron a

2. Francisco González Vázquez, Casa de Baixo de Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo, s.d. + Benita Sotelo, Vilaguillulfe-Carballedo-Lugo

tiveron a

1. Pedro González -Baínte- (m. 1716) + Catalina Vázquez, veciños do Outeiro de Buciños-Carballedo-Lugo trasladáronse a Trasar de Carballo-Carballedo-Lugo onde construíron a Casa de Baixo no fondo do lugar

A Casa de Baixo de Trasar:

Casa de Baixo

Casa de Baixo

O Xan de Baixo, bisavó de Aldán (finado en 1986):

Xan de Baixo

II. Aldán González Figueiredo e Enzo Figueiredo González son a última xeración dos Figueiredo:

6. Aldán González Figueiredo (2015)

tiveron a

5. Laura Figueiredo Iglesias, Ourense + Paulo González Ogando, Pontevedra

tiveron a

4. José Ramón Figueiredo Fernández, A Valenzá-Barbadás-Ourense + Ana Mª Iglesias Camiña, A Valenzá-Barbadás-Ourense

tiveron a

3. Aurentino Figueiredo Pereira, Pereiro de Aguiar-Ourense + Artemia Fernández Cruz Parada de Piñor-Ourense

tiveron a

2. Manuel Figueiredo + Antonia Pereira Cid

tiveron a

1. Ignacio Figueiredo

A casa dos Figueiredo na Valenzá-Barbadás-Ourense:

Valenzá

Valenzá

Aurentino Figueiredo Pereira (finado en 2020), bisavó de Aldán e Enzo:

aurentino

III. O nome de Aldán:

Aldán é un nome de lugar do Morrazo pontevedrés. Aldán e Aldao son tamén apelidos.
O nome de persoa Aldán non ten equivalente noutras linguas, segundo o Dicionario dos nomes galegos (dirixido por Xesús Ferro Ruibal) que propón o 16 de setembro no caso de querer celebrar o santo. A orixe estaría na raíz dun nome de posuidor xermánico Ads (tempo, era, época).
Aldán tamén tería que ver con Aldo, que vén do longobardo Ald e significaba adulto, crecido, vello.
Existe en inglés o nome e tamén apelido Alden (de orixe xermánica e semellante etimoloxía). Lévao o coñecido astronauta americano Neil Armstrong (Neil Alden Armstrong)

Aldán González Figueiredo foi inscrito no proxecto Apego.gal. Isto din en Apego do nome: AldánXermánica: esperto, vello. Tamén é topónimo.

Segundo o INE en febreiro de 2016 había en España 119 Aldán e 158 en marzo de 2022. En xullo de 2025 xa eran 229 (idade media: 9,4 años), Figueiredo (Primeiro: 748 - Segundo: 642), González (Primeiro: 928.024 - Segundo: 937.144, Ambos apelidos: 39.594).